O Colexio de Economistas de Pontevedra entregou onte os premios do Concurso Audiovisual de Educación Financeira
Onte tivo lugar o acto de entrega dos premios da Fase Local do Concurso Nacional de curtos de Educación financeira baixo o lema "Finanzas responsables, Finanzas para todos"
Vigo, mércores do 24 de Marzo de 2021.
O Colexio de Economistas de Pontevedra celebrou onte a entrega de Premios do Concurso Audiovisual de Educación Financeira que fora posposto desde o pasado 4 de febreiro pola situación sanitaria. O acto, foi presidido pola Decana, Lucy Amigo Dobaño, e o Vicedecano, Alejandro Martín Saracho, quen fixo entrega dos premios aos gañadores locais.
O concurso consistiu en presentar unha serie de curtos elaborados baixo o lema "Finanzas responsables, Finanzas para todos". Nel, participaron alumnos de bacharelato que expuxeron de forma argumentada diferentes cuestións económico-financeiras.
Unha iniciativa promovida polo Banco de España e a Comisión Nacional do Mercado de Valores, en colaboración co Consello Xeral de Economistas. Participaron 6 colexios da provincia
Os participantes desta edición foron: o Colexio de Fomento As Acacias, Colexio Marcote, Colexio Internacional SEK Atlántico, I.E.S. Carlos Casares, Colexio os Salgueiros e Colexio Miralba Jesuitinas. Os alumnos participantes xunto con representantes dos diferentes centros estiveron presentes neste acto no que tamén se contou co invitado e relator José Antonio Martín Casal, Economista, Doutor en Ciencias Económicas e Empresariais, MBA Escola de Negocios Caixavigo (hoxe IESIDE), Profesor Titular de Economía Financeira e Contabilidade na Escola U.E. Empresariais de Vigo.
Outros colaboradores e patrocinadores deste evento foron Landín Software que outorgou un "smartwatch" aos gañadores e o Instituto de Estudos Vigueses e Tirant O Blanch, quen premiou a todos os participantes cun libro.