Antón Costas, Economista de Honra, elixido Presidente do CES

Prensa
10/05/2021
Antón Costas

         A noticia do nomeamento do economista, Antón Costas Comesaña, como presidente do Consello Económico-Social (CES) estatal foi moi ben acollida en xeral e, en particular, polos seus colegas de profesión de toda España, que hai poucos meses distinguíranlle coa Gran Cruz ao Mérito no Servizo á Economía Española en Barcelona, de Galicia e, en concreto, dos colegas do Colexio de Economistas de Pontevedra. En novembro de 2014, Antón Costas, recibira a distinción de Economista de Honra do devandito Colexio profesional.  

            Por iso, a Xunta de Goberno do Colexio provincial de Economistas de Pontevedra alégrase e ofrécelle todo o seu apoio ao novo desafío que asume Antón Costas nun órgano cuxa misión principal é atopar o común denominador das relacións económicas e sociolaborais no ámbito estatal. A súa traxectoria académica e, en concreto, no Círculo de Economía de Cataluña e despois na Fundación do Círculo son os mellores avais que auspician tamén un bo labor previsible no CES.  

            O propio Antón Costas reflexionaba, hai pouco, nas súas colaboracións de prensa sobre as premisas da necesaria recuperación económica, previa superación da pandemia aínda prevaleciente. A recuperación e resilencia pasan para el polo reencontro coa natureza na transición ecolóxica, pola transformación dixital sen a que non se poden axilizar a tramitación do escudo social, nos  ERTES e no Salario Mínimo Vital; pero ademais no que pon a énfase é na necesidade dun novo contrato social que reestablezca a cohesión social tan deteriorada desde a crise de orixe financeira de 2008, agravada polo coronavirus cando a sociedade empezaba a recuperarse da crise económica anterior.

            A reactivación conséguese, desde a súa consideración, aumentando a capacidade de consumo e o incremento necesario dos salarios mediante a produtividade que debe propiciar a innovación e as novas tecnoloxías. No social, a mellor forma de ascenso social é a igualdade de oportunidades para que o esforzo que se concreta no mérito e capacidade teña debida compensación. No económico, tal igualdade de oportunidades concrétase no modelo de economía mixta de mercado con intervencións mínimas e só regulatorias das disfuncións que poidan levar ao mercado a situacións afastadas da libre concorrencia e competencia. Sen dúbida, o propio Antón Costas, que está en permanente retorno, cando pode, á súa parroquia viguesa de Matamá, é un exemplo de tantos galegos e españois que progresaron na súa propia realización persoal nas décadas de maiores transformacións e crecemento da economía española dos 60, 70 e 80 do século pasado.          

https://www.diariodepontevedra.es/articulo/pontevedra/economistas-ponte…

https://www.galiciapress.es/texto-diario/mostrar/2833333/economistas-pontevedra-ofrecen-todo-apoio-anton-costas-fronte-ces-ante-desafio-recuperacion

https://gcdiario.com/economia/187728-economistas-de-pontevedra-ofrecen-todo-o-apoio-a-anton-costas-á-fronte-do-ces-ante-o-desafio-de-a-recuperacion/

https://www.economiaengalicia.com/opinion/firma-invitada/colegas-congratulan-anton-costas/20210412122102017139.html