O Colexio de Economistas de Pontevedra entrega os IX Premios Isaac Díaz Pardo aos mellores Traballos de Fin de Grao

Actualidad
23/07/2026
Imaxe dos participantes coa decana e o vicedecano

No Colexio de Economistas de Pontevedra entregamos os IX Premios Isaac Díaz Pardo aos mellores Traballos de Fin de Grao nun acto celebrado o 22 de xullo no Círculo de Empresarios de Galicia en Vigo, no que contamos coa conferencia inspiradora do CEO de Ibercisa, Roberto Rodríguez Orro, Do Excel ao océano.

O acto estivo presidido por Lucy Amigo, decana-presidente do Colexio de Economistas de Pontevedra, Carlos Hervés, catedrático da Universidade de Vigo, Víctor M. González Sánchez, director do Centro da UNED en Pontevedra, Carlota Sánchez-Montaña Puga, coordinadora adxunta de Educación Superior Afundación (IESIDE), Rocío Rodríguez Daponte,  vicedecana de Calidade da facultade de Comercio da Universidade de Vigo e por Carlos Suárez Rei, representante do xurado dos IX Premios Isaac Díaz Pardo.

O xurado estivo formado por tres membros do Colexio de Economistas de Pontevedra, catro dos centros participantes e dous do ámbito empresarial, ademais de Carlos Suárez, por Roberto Rodríguez Orro, CEO de Ibercisa e conferenciante no acto.  

Martín Álvarez López, de IESIDE, foi proclamado gañador polo seu traballo Ganadería Lanzán, análisis y diagnóstico, distinguido cun premio de 1.000 euros, o segundo premio, dotado con 600 euros, foi para Jacob Sánchez Troncoso, de FCEE, cos Efectos de las nuevas formas de trabajo sobre los trabajadores vigueses del sector de la automoción, e  Leah Correa Conlon, da Facultade de Comercio da UVigo,  obtivo o terceiro premio, dotado con 400 euros, polo seu traballo Lenguas extranjeras en la publicidad. El caso de España.

Todos os alumnos participantes recibiron un diploma de mans de Lucy Amigo e Rubén López, vicedecano e presidente do Xurado, ademais de conseguir dous anos de colegiación gratuíta e acceso ás formacións do Colexio de Economistas de Pontevedra.

Ademais dos gañadores, participaron Alfonso García, cun traballo sobre Estimación del coste social del transporte por carretera, da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da Universidade de Vigo.

Pola súa banda, Rebeca Rodríguez Docampo presentou o traballo Mercadotecnia y Tecnología: Impacto de IOT e Inteligencia Artificial en la distribución eficiente del auga, pola UNED de Pontevedra, e Guadalupe Oubiña Chaves, do mesmo centro, asinou a autoría de El sector de la piedra. Los aserraderos de piedra en Galicia.

O evento contou coa intervención de gañador, Martín Álvarez, en representación dos participantes, e un discurso de peche da decana Lucy Amigo, previo ao cóctel de confraternización.